Fillo de Fernando II e último monarca dos reinos independentes de León e de Galicia.
Foi fundamental na historia da Catedral e de Galicia, apostou polo desenvolvemento urbano, fundou diversas cidades como A Coruña e apoiou as peregrinacións a Compostela.
Continuou o soporte do seu pai ao proxecto do Mestre Mateo na catedral e estivo presente na solemne cerimonia da súa consagración o 21 de abril de 1211, tras a cal dotou un novo altar funerario, dedicado a San Lourenzo, no lugar no que se atopaba a tumba do seu pai, no extremo norte do cruceiro.
Faleceu en Sarria, en 1230, cando peregrinaba a Compostela e foi enterrado xunto ao seu pai na Capela dos Reis.
Aínda que a historiografía asignoulle o número IX para evitar confusións co seu homónimo castelán, corresponderíalle ser, en realidade, Alfonso VIII de León e de Galicia.
Posible confusión na atribución dos sepulcros de Fernando II e Afonso VIII (IX)
Orixinalmente, o Panteón Real situábase no extremo norte do cruceiro da catedral, onde agora se atopa a capela de Santa Catalina. En 1535, trasladouse á súa localización actual e no desprazamento puido producirse certa confusión nas identidades dos sepulcros.
En concreto, por cuestións formais e estilísticas, é posible que as identidades dos enterramentos dos reis Fernando II e Afonso VIII (IX) estean intercambiadas de forma que, o atribuído ao primeiro sería en realidade o segundo e viceversa.
Descripción
Tradicionalmente, este sepulcro foi identificado co do seu pai, Fernando II, aínda que cuestións estilísticas parecen levar a peza a un momento posterior que encaixaría cronoloxicamente coa data da morte de Afonso IX en 1230.
Aínda que realmente correspondíalle, como Rei de Galicia e León, ser Afonso VIII, a historiografía tradicional asignoulle o IX para diferencialo do seu primo, rei de Castela naquela época. Afonso IX foi un monarca fundamental para Galicia, fundou varias cidades, entre elas A Coruña e apoiou decididamente a sede compostelá e as peregrinacións a Santiago. Baixo o seu reinado, tivo lugar, o 21 de abril de 1211, a solemne cerimonia de consagración da catedral á que asistiu co seu primoxénito Fernando Afonso e cos principais personaxes da súa corte. Faleceu en Sarria en setembro de 1230, no curso dunha peregrinación a Compostela que culminou morto para ser enterrado no Panteón Real que se conformou institucionalmente durante o seu reinado.
Modelo 3D
Vídeo