Select Page
Escoitando as cores. Policromía e música na obra do Mestre Mateo

Educación infantil

A figura do Mestre Mateo preséntaselle ao alumnado máis cativo a través de dous elementos de interese: a cor e a música. Partindo dun espazo protagonista como é o Pórtico da Gloria, profundizaremos na policromía e nos instrumentos musicais en diferentes espazos do Pazo de Xelmírez, atopando neles pezas do taller mateano que nos permitan traballar sobre estas temáticas dun xeito didáctico e interactivo. Valéndonos de imaxes, obxectos e audios, abordaremos aspectos como as posibilidades das cores primarias, a importancia da restauración, os tipos de pedra presentes no Pórtico e as ferramentas necesarias para esculpilas, os instrumentos de corda e as súas peculiaridades, así como elementos iconográficos cos que identificar as figuras das obras abordadas..

ACTIVIDADES PREVIAS Á VISITA

1. AS DISCIPLINAS ARTÍSTICAS

O primeiro exercicio introdúcelle ao alumnado diferentes disciplinas artísticas vinculadas aos espazos e obras coas que traballará. A través de ilustracións, os nenos e nenas dialogarán na aula sobre a arquitectura, a escultura e a pintura, ademais de presentar outras diferentes (inclúese unha ilustración de cerámica e anímase ao profesorado a elexir outras que considere oportunas).
As imaxes seleccionadas permiten abordar as ferramentas que emprega cada profesional, os materiais cos que traballa, etc. Como faremos fincapé na escultura e na pintura, recomendamos deterese máis na aula coa arquitectura, polo que adxuntamos unha pranta da Catedral para mostrar como ferramenta e ubicar ao alumnado nos espazos que visitaremos.
Ademais de presentar o templo como edificación, pódese introducir xa a figura do Mestre Mateo ao abordar as tres labores no seu proxecto.

2. A MESTURA DAS CORES PRIMARIAS

A segunda actividade permite traballar sobre as cores primarias, as cales teñen moita presenza na policromía orixinal do Pórtico da Gloria e outras obras realizadas nese momento polo Mestre Mateo. A intención é que o alumnado identifique esas tres cores e coñeza a posibilidade crear outras novas grazas as súas mesturas, diferenciando entre cores primarias e secundarias.
Para iso proponse unha ficha na que o alumnado experimente as mesturas das cores primarias, tendo que pintar as cunchas que se suman con dúas delas e o resultado da súa unión na cuncha final.
Recoméndase o emprego de témpera líquida para a realización desta actividade.

3. OS INSTRUMENTOS E AS SÚAS FAMILIAS

O último exercicio achéganos á parte musical da visita. Na Catedral veremos os instrumentos dos 24 anciáns do Pórtico da Gloria, así como a arpa da escultura do Rei David; todos eles pertencentes á familia dos instrumentos de corda. Nesta actividade presentamos tamén a familia de vento e de percusión a través de diferentes instrumentos que o alumnado coloreará libremente (podendo aproveitar as cores creadas no exercicio anterior). A intención é que os nenos e nenas identifiquen os instrumentos e, a través da observación, os clasifiquen nesas tres familias.
Quizais o instrumento co que menos familiarizados/as estean sexa a zanfona, polo que se recomenda facer fincapé nela a través de materiais audiovisuais que faciliten o seu vínculo co organistro unha vez o vexan in situ (tanto no Pórtico como nas ménsulas do Pazo de Xelmírez).

ACTIVIDADES POSTERIORES Á VISITA

1. VOLVENDO Á PRIMEIRA POLICROMÍA
Para fixar os contidos relacionados coa policromía, convídaselle ao alumnado a pintar o Pórtico da Gloria empregando as cores que o caracterizaron na súa imaxe orixinal, pero cunha nova técnica: o puntillismo. Os nenos e nenas realizarán un exercicio de memoria ao lembrar as tonalidades empregadas na primeira policromía, a cal se caracterizaba pola presenza de
lapislázuli (azul), dourado (amarelo), vermello e verde, así como as carnacións dos personaxes.; á vez que reforzan o aprendido sobre o puntillismo da man do pintor Juan Luis. Empregando as cores orixinais crearán unha nova versión libre do Pórtico coa que reforzar a importancia das cores primarias e a disciplina da pintura vinculada á escultura e a arquitectura. Adxúntase unha ilustración en formato horizontal do Pórtico para realizar esta actividade.
2. O NOSO PROPIO PÓRTICO
Para fixar os contidos relacionados coa música, proponse a creación dun Pórtico cunha arquivolta chea de pequenos e pequenas artistas para o seu colexio. Este exercicio implica un traballo máis laborioso por parte do profesorado, que poderá desenvolver seguindo as instrucións que aquí se expoñen:

  1. Cada alumno/a terá que crear o seu propio instrumento presente no Pórtico da Gloria.
    Dependendo do nivel educativo, os nenos e nenas poderán debuxalo inspirándose nunha imaxe que teñan de referencia ou ben pintar un debuxo xa feito. Os instrumentos que portan os anciáns son: fídulas ovais, fídulas en oito, arpas, salterios, cítaras, laúdes e organistro. Unha vez finalizado recortarase o instrumento (recoméndase facelo en cartoliña).
  2. Cada alumno/a posará sentado co seu instrumento e o profesor/a sacaralle unha fotografía individual. Tamén sacará unha fotografía da fachada do edificio da escola na que se vexa claramente a porta de acceso.
  3. O profesorado imprimirá a imaxe da fachada (nas dimensións que considere tendo presente a dinámica da actividade). Sobre a fachada, o alumnado irá pegando a súa fotografía, tamén impresa e recortada, formando así un “pórtico” sobre a porta de entrada do seu colexio. O formato do pórtico é libre, adaptándose á construción (semicírculo, lineal, con dobre fila de músicos, etc.)

(Toca ou fai clic na imaxe para ampliar)

Esta web utiliza cookies propias para su correcto funcionamiento. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad