Virxe do Perdón

Descrición

Anónimo, segundo cuarto do século XV. Alabastro con restos de policromía.

Esta delicada imaxe de alabastro policromado presidía o retablo da capela do arcebispo Lope de Mendoza, que estaba situada, desde mediados do século XV, no lugar que actualmente ocupa a capela da Comuñón e á que se accedía polo oco no que hoxe se atopa a imaxe ecuestre de Santiago de Gambino. Esta capela, destinada a acoller os enterramentos do prelado e os seus familiares, concluíuse anos despois da morte de don Lope e foi terminada por Martin López, familiar do arcebispo e cardeal da catedral; e foi derrubada nos últimos anos do século XVIII.

No Museo consérvanse diversas pezas pertencentes á capela de don Lope, mentres que esta imaxe da Virxe do Perdón colocouse, nos primeiros anos do século XX, no pórtico de acceso á nova capela, onde permanece na actualidade.

Non se coñece ao autor desta peza, de influencia borgoñona e renana, que se asenta sobre unha base, tamén de alabastro na que aparece representado, como orante, o propio arcebispo e o seu escudo, así como a inscrición “ Memento mei” (acórdate de min), acorde co carácter funerario da capela.

Fotos

Información

Promove: Fundación Catedral de Santiago
Colabora: S. A. de Xestión do Plan Xacobeo – Xunta de Galicia

Dirección proxecto: Ramón Yzquierdo Peiró
Dixitalización e tratamento imaxes: Margen / Elipseeg.com
Deseño Gráfico: La Cosa Gráfica

Contacto

Fundación Catedral de Santiago
Casa do Deán, Rúa do Vilar, 1
15705 Santiago de Compostela · (España)
T.: +34 981 569 327
museo@catedraldesantiago.es